Somos po de estrelas

“ Somos po de estrelas”

De onde vimos? que somos? por que estamos aquí? A onde imos? Son preguntas que teñen respostas científicas. Existe un mesmo proceso de evolución que, dende hai quince mil millóns de anos, fai que a materia tenda a organizarse do Big bang ao Homo/ Mulier sapiens. Procedemos das bacterias pero tamén das galaxias, elementos químicos que compoñen o noso corpo son os que hai millóns de anos formaron parte do universo.

Alumnado Cultura científica  de 1ºBacharelato

A min contáronme en…RUSIA

Olga Alexandrovskaya chegou a Compostela con 20 anos para incorporarse á Orquestra Sinfónica de Galicia.

Procedente de Sochi, unha cidade á beira do Mar Negro, cóntanos un conto popular ruso, «O nabo xigante», de orixe anónima, pero recompilado por Aleksei Tolstoi no século XIX.

Había unha vez un vello que plantou un nabo pequeno e díxolle:
— Medra, medra, nabiño e o nabo creceu enorme.
Un día, o vello foi a arrincalo. Tirou e tirou, pero non puido arrincalo.
O vello chamou á vella, a vella tirou do vello, o vello tirou do nabo, pero non puideron arrincalo.
A vella chamou á neta, a neta tirou da vella, a vella tirou do vello, o vello tirou do nabo, pero non puideron arrincalo.
A neta chamou ao can, o can tirou da neta, a neta tirou da vella, a vella tirou do vello, o vello tirou do nabo, pero non puideron arrincalo.
O can chamou ao gato, o gato tirou do can, o can tirou da neta, a neta tirou da vella, a vella tirou do vello, o vello tirou do nabo, pero non puideron arrincalo.
O gato chamou ao coello, o coello tirou do gato, o gato tirou do can, o can tirou da neta, a neta tirou da vella, a vella tirou do vello, o vello tirou do nabo, e tiraron e tiraron, con todas as súas forzas, ata que por fin arrincaron o nabo!

A Olga contoulle este conto a súa avoa canto tiña catro anos. E ela agora transmítello ao seu fillo pequeno e agarda que el non rompa a cade de transmisión da súa cultura de orixe.

A min contáronme en… ALEMAÑA

Peter Hahnen chegou a Galicia procedente de Alemaña hai 21 anos. Vive en Santiago de Compostela coa súa muller e as súas dúas fillas.

Segue contándolle aos seus tres fillos os contos da súa cultura de orixe.

A nós relatounos «Os músicos de Bremen», un conto moi coñecido de orixe alemá, do que existen versións en moitas culturas e linguas diferentes:
“O conto Os músicos de Bremen trata de catro animais, xa de avanzada idade, cuxos amos decidiron sacrificalos por ser inútiles. Tratábase dun asno, un can, unha gata e un galo. Para evitar ese destino, a mala sorte de acabar desa maneira a súa vida, escaparon dos seus donos e cada un
deles saíu á estrada, onde se atoparon por casualidade. Despois fixeron plans para ao mellor poder formar un grupo de música, porque cada un tiña os seus dons como cantante, e entón foron en dirección a Bremen, que era a cidade máis próxima. Logo pasaron por un bosque, entroulles moito
sono e fame, viron unha luz entre as árbores e acercáronse.”

Un exemplo destacable da tradición oral deste país son os contos dos irmáns Grimm. Son unha serie de historias breves de carácter oral procedentes do centro de Europa e que se estenderon sobre todo
por Alemaña. Isto foi principalmente grazas aos dous irmáns, Jacob e Wilhem, que no século XVIII recorreron o territorio para recopilar contos, lendas e outros elementos da tradición oral.

Este traballo foi elaborado por Xela Rei, Gonzalo Noya e María Íscar.

A min contáronme en… MOZAMBIQUE

Faizal Bikle ten 22 anos, é natural de Mozambique e estuda Teoloxía en Compostela.

Relatounos un conto que lle ensinaron cando era neno:

Había unha comunidade lonxeva onde os animais eran sempre
portadores de coñecemento. Un día, a comunidade a tribo dos sapos decidiu eliminar as burbullas que levaban no seu corpo . O líder da
comunidade dos sapos foi ao encontro do xefeda tribo das
cobras e preguntoulle como debía facer para conseguilo.

A cobra díxolle ao sapo: «Vaite ata a casa e prende a leña, pon a tixola no lume e despois bota aceite…»

Mentres lle estaba explicando, o sapo, levado pola impaciencia, non deixou acabar a cobra e marchou, pensando que xa tiña para si o coñecemento absoluto.

Pero cando chegou á casa e fixo o experimento, non tivo en conta que o aceite estaba demasiado quente e morreu torrado na tixola.

Moralexa: o coñecemento leva o seu tempo e non debemos deixarnos levar polas présas ou pola arrogancia.

Segundo nos conta Taifal, case todas as historias africanas son un vehículo para a educación dos nenos e nenas, nunha sociedade cuns altos índices de analfabetismo.

Este traballo foi elaborado polos alumnos Nuno do Rego, Lidia Sandá e Miguel Ángel González.