O traballo forma parte da nosa identidade. O alumnado de 2º ESO e 3º ESO nas materias de Valores Éticos e Relixión traballou en grupos para averiguar cales son os factores que máis definen a unha persoa, e se o xénero aínda determina a nosa profesión e as nosas afeccións.
Seguen manténdose os estereotipos? Os resultados son sorprendentes ou, se cadra, non tanto.
A análise da nomenclatura do rueiro compostelán permitiulle ao alumnado de 2º ESO detectar discriminacións de xénero e reflexionar sobre como construímos pensamento e, polo tanto, identidades en base a unha tradición cultural. Elas e eles tiveron ocasión de mudar a historia e propoñer nomes alternativos de mulleres galegas de distintas épocas e distintos ámbitos. O 70% das rúas teñen na actualidade nomes de home!
A rapazada de 1º ESO achegouse ao traballo dunha historiadora a través da busca e análise de fontes como son as fotografías antigas da súa cidade, Compostela. Os cambios urbanísticos, os usos da cidade e o cambio nas tradicións que foron mudando amosan unha sociedade cambiante. Neste recompilación de fotos vemos trasposta a foto antiga ao panorama actual que nos obriga a comprender algúns dos principais cambios da urbe. Ademais, tamén demos cabida a outras vilas como Noia ou Celanova que nos permite ampliar a perspectiva inicial coñecendo outras realidades.
Velaquí tes a recomplicación de fotografías!
Este percorrido que vai dende o século XIX ata a actualidade ten a súa ruta creada na app My Maps. Anímate e mergúllate nel!
Identidade e cidadanía son dous conceptos que camiñan da man na historia contemporánea.
O alumnado de 4º da ESO do IES Xelmírez I, dirixido pola súa profesora Judith Carbajo, investigou a evolución do discurso dos dereitos humanos o papel que acadan homes e mulleres dentro deste camiño de conquistas, apoios e atrancos cos que contaron. Descubriron como se foi construíndo o discurso identitario e democrático.
Neste camiño de descubertas, foron elaborando o seu propio libro! Nel parecen recollidas identidades de xénero e outras excluídas da Historia.
«A cultura dunha nación reside no corazón e na alma da súa xente»
MAHATMA GANDHI
Cloe, Laura e Julia con Ryan, orixinario de Virxina (EUA), diante da súa academia de inglés
A tradición oral serve para transmitir coñecementos, valores culturais e sociais, ademais da memoria colectiva.
É fundamental para manter vivas as culturas.
Manteñen as familias inmigrantes a súa TRADICIÓN ORAL nos lugares de acollida?
Transmítenllela aos seus fillos?
Lembran os contos, lendas, fábulas, cantigas de berce, cancións… que lles contaban na casa cando eran cativos?
Teñen elementos comúns coa nosa tradición oral?
A nosa iniciativa, inserta no PDI Tecendo identidade(s) busca darlle resposta a esas preguntas ao mesmo tempo que facemos unha recolleita multicultural das tradicións orais que nos rodean, a das persoas que naceron noutros países e culturas pero que xa forman parte e enriquecen a nosa sociedade.