Conmemorar a barbarie, amosala para evitar que se volva repetir, velaquí o principal obxectivo da exposición que hoxe inauguramos na Biblioteca do IES Xelmírez I.
Realizada polo profesorado de alemán (Sagrario Torrado- Laureano Araújo), Historia (Lucas Espasandín- Alba Serén) e Filosofía (Uxía Martínez Suárez), no marco do proxecto Tecendo Identidade(s), dá a coñecer o que lles aconteceu aos xudeos alemáns na década dos anos 30.
A mostra, aberta a toda a Comunidade Educativa, organízase arredor de catro temas:
- Os xudeos de Alemaña na República de Weimar
- A política antixudía na alemaña nazi (1933-1938)
- A reacción xudía ás políticas antixudías nazis
- A “Kristallnacht”, do 8 ao 9 de novembro de 1938
Ademais, unha parte da exposición pon en relación as xuderías galegas e as do conxunto da Península Ibérica co destino sufrido polos xudeos do Holocausto. Estes, expulsados en 1492, fuxiron a Grecia, Turquía e Europa do leste, levando canda si a nosa cultura, e volvendo sufrir alí a persecución nazi.
A exposición agocha moita información relevante baixo os códigos QR de cada un dos paneis. Curiosas son as historias das xudarías galegas e curiosa e cruel a historia dos sambenitos de Tui: 5 lenzos, con 14 penitenciarios; as teas, adornadas coa cruz de Santo André, teñen na parte inferior o nome da persoa, o ano do proceso e a acusación de xudeo.